As Nove Viaxes en debuxos animados

356

Nine Voyages, ún dos moitos spin-offs planeados da franquía de Game of Thrones que están actualmente en desenvolvemento na HBO, ven de sufrir unha grande alteración. A série, que narra as viaxes e aventuras do persoaxe Lord Corlys Velaryon, un lendário mariñeiro que aparece tamén en House of the Dragon e é coñecido polo alcume de Sea Snake (a Serpe Mariña), será realizada agora en debuxos animados.

Así o deu a coñecer o seu creador, o escritor George R.R. Martin, nun post no seu blog oficial publicado onte día de noitevella, mentres gababa a série tamén de debuxos animados da Netflix Blue Eye Samurai. Segundo afirmou, el apoia a decisión e admite que facer a série con acción real resultaría demasiado caro:

Pasamos NINE VOYAGES, a nosa série sobre as lendárias viaxes da Serpe Mariña, da acción en vivo para a animación. Unha mudanza que apoio totalmente. As restricións orzamentais terían probabelmente tornado unha versión con acción real prohibitivamente cara, dado que a metade da série se roda no mar e pola necesidade de crear un porto diferente todas as semanas, de Driftmark a Lys, ás Illas Basilisk, a Volantis, a Qarth e… ben, así todo o tempo. Hai un mundo enteiro alá fóra. E temos moitas mais oportunidades de o amosar con animación. Por iso, temos agora tres proxectos de animación en curso“.

E aí ficou a cousa, porque Martin non explica que outros dous proxectos en debuxos animados son eses. A HBO xa amosou que pode ter éxito coa animación baseada en persoaxes de sona, dende a série Spawn dos anos 90 á mais recente e aclamada Harley Quinn.

En todo caso, Martin advirte que non hai xeito de saber se algunha vez chegarán ás pantallas: “Non hai ren seguro en Hollywood“.