Galactica ten novo showrunner

285

O creador da série The Sinner, Derek Simonds, ven de chegar a bordo do proxecto do segundo relanzamento da série de ciéncia-ficción dos anos 80 Battlestar Galactica coma guionista, produtor executivo e novo showrunner. Michael Lesslie ocupaba até agora ese mesmo posto.

Sam Esmail, guionista e director do recente filme Leave the World Behind, está a desenvolver a série para a Peacock dende hai anos, e a súa empresa, a Esmail Corp. producirá a través da UCP, con Esmail e Chad Hamilton coma produtores executivos.

A série orixinal dos anos 70 centraba-se no derradeiro grupo de humanos ao bordo da extinción despois de que unha série de guerras contra unha raza de robots creados por eles mesmos, os cylons, destruíran as Doce Colónias. Todos os humanos fican nun grupo de naves, protexidas pola nave de guerra Galactica, mentres procuran a súa derradeira esperanza de sobrevivir: unha lendária decimoterceira colónia coñecida coma a Terra.

A princípios dos anos 2000, a série foi reiniciada polo guionista e produtor de Star Trek: Deep Space 9 Ronald D. Moore, que a converteu nun grande éxito ao longo de catro tempadas na Syfy, emitida entre 2003 e 2009. Esa segunda versión estaba protagonizada por Edward James Olmos, Mary McDonnell, Katee Sackoff, Jaimie Bamber, Grace Park e Lucy Lawless.

O proxecto desta terceira versión é completamente novo e non tentará ser un revival de ningunha das dúas anteriores, cun tón diferente ao da primeira, que era unha clásica space-opera cun humor desenfadado, e o da segunda, un drama con profundas implicacións políticas e militares.