Butler regresa para adestrar ao teu dragón

133

Gerard Butler regresará á franquía How to Train Your Dragon, que dará o chimpo á acción real da man da Universal Pictures.

O actor inglés xa lle puxera a voz ao pai do protagonista, Hiccup, nas películas orixinais e retomará o mesmo papel no vindeiro filme, unindo o seu nome aos do xa confirmados Mason Thames (Hiccup) e Nico Parker (Astrid).

O realizador nominado ao Oscar Dean DeBlois, que escribiu e dirixiu a triloxía de debuxos animados orixinal que se desenvolveu entre 2010 e 2019, volve para escribir, producir e dirixir a nova entrega.

A película orixinal How to Train Your Dragon ten lugar na imaxinária aldea viquinga de Berk e narra as aventuras dun adolescente inadaptado chamado Impo (Hiccup no orixinal) que se fai amigo dun dragón ferido ao que chama Toothless. Axiña descubre que tanto Toothless coma outros dragóns poden ser mais do que el e a súa família supuxeron.

Baseada nos libros de Cressida Cowell, a triloxía xerou xa mais de 1.600 millóns de dólares nos despachos de billetes de todo o mundo e deu lugar a tres séries de televisión derivadas, atraccións en parques temáticos e mesmo unha obra de teatro.

Esta será a primeira película de animación da Dreamworks que dea o chimpo á acción real, pero de ter éxito, probabelmente haberá mais no futuro. Marc Platt produce o filme, que a Universal estreará nas salas de cinema o 13 de xuño de 2025.