O creador de Dragóns e Mazmorras e lendário pionéiro dos xogos de rol Ernest Gary Gygax finou aos 69 anos de idade por mor de complicacións cardiorrespiratórias após de múltiples ataques ao corazón.
Xogador toda a súa vida, Gygax escomezou coma moitos outros nenos da súa idade, con xogos de estratéxia que ían dende o xadrez até o pinocle (un xogo de cartas). O seu gusto polos xogos atopou un novo xeito de os vivir cando a finais dos anos 50 atopou as miniaturas de Gettysburg. A súa fascinación medrou até o punto de converte-lo nunha nova forma de arte, e daquela ficou namorado na ciéncia-ficción. Así é coma naceu a súa procura ao longo de toda a vida por desenvolver algún tipo de xogo baseado no xénero fantástico.
En 1966, xunto cos seus parceiros Bill Speer e Scott Duncan, fundou a IFW ( International Federation of Wargamers), unha organización que serviu coma paraugas para vários clubes de xogos de guerra nos Estados unidos. E isto medraría cando comezou a publicar unha revista de seu, unha das primeiras da súa clase.
Gygax axudou a organizar a primeira Gen CON (unha convención adicada aos xogos) hai 41 anos. Actualmente esta convención é a máis importante do mundo do seu xénero. As súas habilidades coma organizador e desenvolvedor de xogos continuaron medrando até que un día a princípios dos anos 70 el e mais Dave Arneson crearon un xogo de rol de mesa chamado Dungeons and Dragons (Dragóns e Mazmorras). O resto é história.
Dragóns e Mazmorras foi unha variación dun dos anteriores xogos de Gygax, chamado Chainmail, misturado con todo o coñecemento que tiña sobre antigos xogos de guerra. O seu novo rogo de rol tivo axiña unha grande aceptación e comezou a se vender por toda América, mália a forte oposición que atopou por parte de moitos grupos relixiosos, o que por suposto fixo o xogo moito máis apetecíbel para todo o mundo, especialmente os rapaces.
Non hai dúbida de que E. Gary Gygax literalmente mudou a cara do mundo dos xogos de rol con Dragóns e Mazmorras, e nun tempo onde os videoxogos estaban comezando a nacer o seu invento non puido chegar nun intre millor, abriu novas ideias e oportunidades na indústria dos xogos, estendeu anoción do xénero fantástico por todo o mundo e acadou un perfecto casamento entre os ordenadores e mais os xogos.
Até o día de hoxe Dragóns e Mazmorras segue a ser o xogo de rol máis coñecido e xogado en todo o mundo, con 30 millóns de unidades oficiais vendidas e máis de mil millóns de dólares en benefícios pola venda de xogos, libros e equipación de toda caste.