O realizador David Bruckner (The Ritual, The Night House), que xa nos forneceu unha nova versión da franquía Hellraiser en 2022, ven de se comprometer a escribir e dirixir unha nova adaptación doutro clásico, neste caso The Blob, para a Warner Bros.
A película orixinal de 1958 narraba a história dunha forma de vida alieníxena vermella, amorfa e xelatinosa que descende sobre unha vila rural de Pennsylvania e comeza a consumir a todo aquel co que entra en contacto, medrando canto mais come e atraendo ás súas vítimas humanas.
O proxecto suporá o segundo remake do filme orixinal de Steve McQueen, que contou cunha secuela titulada Beware! The Blob en 1972, dirixida por Larry Hagman e maiormente esquecida hoxe. O primeiro remake fora a longametraxe de Chuck Russell de 1988, protagonizado por Kevin Dillon e Shawnee Smith e cun guión, entre outros, de Frank Darabont. Nesta versión, a ameaza alieníxena era substituída por un arma biolóxica creada polo exército.
En todo caso, a día de hoxe The Blob continúa a abraiar aos fans polos seus elaborados efectos prácticos de maquillaxe, o seu ton mais sinistro e violento do que era habitual nos anos 50 e polas súas imaxes truculentas. Porén foi un fracaso nos despachos de billetes, con só 8,2 millóns de dólares a partir dun orzamento de dez millóns.
Para a nova versión, os detalles da história aínda se manteñen en segredo. David Goyer e Keith Levine serán os seus produtores.