The Mandalorian dará o chimpo aos cinemas. A Lucasfilm anunciou onte oficialmente The Mandalorian & Grogu, unha nova película que dirixirá o creador da série de televisión, Jon Favreau.
Agarda-se que a rodaxe dea comezo a finais deste ano, co que se converterá na primeira película da franquía da Guerra das Galáxias que entra en produción dende Star Wars: The Rise of Skywalker de 2019. O filme en desenvolvemento New Jedi Order, protagonizado por Daisy Ridley, ía ser o que se levara a honra, pero todo fai indicar que terá que agardar un pouco mais. Favreau, a presidenta da Lucasfilm, Kathleen Kennedy, e mais o xefe creativo da Lucasfilm, Dave Filoni, producirán a longametraxe.
Nun comunicado, Favreau dixo: “Encantou-me contar histórias ambientadas no rico mundo que creou George Lucas. A perspectiva de levar ao mandalorián e mais ao seu aprendiz Grogu á pantalla grande é estremadamente emocionante“. Mentres que pola súa banda, Kennedy engadiu: “Jon Favreau e Dave Filoni introduciron en Star Wars a dous novos e queridos persoaxes, e esta nova história encaixa perfectamente na pantalla grande“.
As últimas novas que se coñeceron da série é que o guión para a cuarta tempada xa está escrito, pero agora non está claro se haberá que retoca-lo para este filme, ou se se fará despois. The Mandalorian estreou-se en novembro de 2019 coma a série mais salientábel da Disney+ e Grogu (ou Baby Yoda) converteu-se decontado nun fenómeno da cultura pop. Pedro Pascal é o protagonista no papel de Din Djarin.