Vinte e catro anos despois da estrea de 28 Days Later nas salas de cinema, os directores Danny Boyle e Alex Garland volverán traballar xuntos nunha nova entrega da franquía, 28 Years Later, aínda que aseguran que esta vez non será simplemente outra secuela (coma 28 Weeks Later, de 2007), senón o comezo dunha nova triloxía, semellante ao que foi o rexurdimento de Halloween de 2018.
Boyle dirixirá a primeira entrega, mentres que Garland escribirá as tres, que ambos producirán. A parella levaba a insinuar publicamente a ideia dunha posíbel secuela ao longo dos últimos anos, pero non había ren que indicase que isto era mais ca un mero desexo.
Andrew Macdonald e Peter Rice tamén producirían, e o orzamento de cada película andaría polos 75 millóns de dólares. Agarda-se que a nova triloxía chegue aos estudos, streamers e outros compradores potenciais a finais desta semana.
Cillian Murphy protagonizou o filme orixinal, no papel dun home que esperta dun coma nun hospital londiniense. Ao saír, atopa unha paisaxe postapocalíptica de desolación, causada por un virus que converteu ás súas vítimas en asasinos carraxentos. Naomie Harris e Christopher Eccleston coprotagonizaron a película, que no seu día serviu para revitalizar o xénero de terror zombi e impulsou as carreiras de todos os vencellados.