Hai tres anos, a compañía MachineGames, propiedade da Bethesda Softworks e responsábel do aclamado Wolfenstein: The New Order de 2014, anunciou que estaba a crear un novo videoxogo baseado na franquía de Indiana Jones. Daquela, díxo-se que o novo xogo ía ser unha história orixinal que non adaptaría ningún dos filmes anteriores, e que contaría con Todd Howard, director creativo da Bethesda Game Studios, coma produtor executivo, en colaboración coa Lucasfilm Games.
Para esta semana, cando a Xbox ten previsto presentar un anticipo do xogo, o rumor é que a MachineGames enrolou para a produción a tres dos grandes desenvolvedores de videoxogos do mercado: a 343 Industries, a id Software e mais á Tango Gameworks.
Mentres tanto, a Lucasfilm rexistrou moitas variacións e nomes e domínios para “Indiana Jones and the Great Circle”, que se coida que será o título do xogo.
A franquía de Indiana Jones conta xa con moitas adaptacións, entre as que se contan non poucos clásicos dos anos 90 e comezos dos 2000, pero nos últimos tempos outros heroicos exploradores de sona seica están a lle facer competéncia, coma Uncharted e Tomb Raider.