Os prémios Hugo, considerados outrora coma os Oscar da ciéncia-ficción, e que se celebraron por primeira vez en China, foron criticados por excluir a vários escritores da lista de nominados de mellores de 2023, o que suscitou desacougo polas posíbeis interferéncias ou censura no proceso.
A novela supervendas Babel, de Rebecca F. Kuang, un episódio da série da Netflix The Sandman e mais a escritora canadiana Xiran Jay Zhao foron algunhas das obras e autores excluídos dos Hugo 2023, que foron outorgados no decurso da Convención Mundial de Ciéncia-Ficción (Worldcon) en Chengdu o pasado mes de outubro. Babel gañara o prémio ao mellor libro de ficción na gala dos prémios británicos do libro 2023, e é unha novela de ficción especulativa de Kuang, autora chino-americana tamén coñecida pola súa novela Yellowface.
Os organizadores non deron ningunha razón para as exclusións, que non se revelaron até o pasado sábado 20 de xaneiro, cando por fin se publicaron as estatísticas completas de nominacións para os Hugo. Na lista figuraban algúns títulos que recibiran votos, pero estaban marcados cun asterisco e as palabras “non elixíbel”, sen mais detalles.
Os prémios Hugo son o principal galardón da ciéncia-ficción e a fantasía. A súa organización corre a cargo da World Science Fiction Society (Sociedade Mundial de Ciéncia-Ficción), un colectivo informal de afeccionados que votan polas súas obras e autores favoritos en mais dunha dúcia de categorías antes da conferencia anual, a Worldcon, que ten lugar cada ano nunha cidade distinta. O ano pasado celebrou-se por primeira vez en China.
Documentos publicados recentemente revelan que várias obras e autores foron excluídos da votación mália que tiveran nominacións abondo para estar entre os candidatos finalistas. Entre os excluídos figuran Kuang e Zhao, escritoras nacidas en China pero que viven en Norte-América.
O desacougo provén polo temor a que os autores foran cancelados por motivos políticos, dado que o partido comunista chinés exerce un control absoluto sobre todos os actos culturáis que teñen lugar dentro das súas fronteiras.
Dave McCarty, presidente do xurado dos Hugo 2023, negou as acusacións na súa conta de Facebook: “Ninguén me ordeou ren (…) Non houbo comunicacións entre a equipa de organización dos Hugo e o governo chinés de maneira oficial“. McCarty non quixo engadir mais comentários, nin explicar se houbo comunicacións “non oficiais” ou por que esas persoas e obras foran consideradas “non elixíbeis”.
Tanto Zhao, coma Kuang e mais Neil Gaiman, creador de The Sandman, expresaron con anterioridade as súas críticas abertas contra as autoridades chinesas por encarcerar a escritores.
Mentres tanto, outros escritores descubriron tamén que foran excluídos das categorías ás que estaban seleccionados, coma Paul Weimer ou a escritora Jeannette Ng, quen dixo: “De eu gañar, o meu discurso de aceptación do prémio faría que me arrestaran en China. Eu dixen cousas que son ilegales alí“.
O comité organizador da Chengdu Worldcon non quixo facer comentários nin responder ás preguntas. Xa no seu día, cando en 2021 a cidade chinesa foi elixida para hospedar a convención, houbo moitas dúbidas sobre o proceso, porque entre os votantes había milleiros de novos membros recén inscritos, nomes chineses sen enderezo, que sobrepasaron ás outras tres cidades candidatas: Nice, Memphis e Winnipeg.