Rogue Trooper en debuxos animados

184

Hayley Atwell (Mission: Impossible – Dead Reckoning), Jack Lowden, Aneurin Barnard e mais Reece Shearsmith lideran o elenco do filme de ciéncia-ficción Rogue Trooper, que conta ademais con Sean Bean, Asa Butterfield, Matt Berry, Jemaine Clement, Diane Morgan e Alice Lowe coma co-protagonistas.

O proxecto da Rebellion e da Liberty Films é da autoria do realizador de Source Code, Moon e Warcraft, Duncan Jones, e aínda que estaba orixinalmente planeado para ser de acción en vivo, será agora animado coa axuda do motor de videoxogos Unreal Engine 5 da Epic. A rodaxe rematou onte mesmo nos Rebellion Film Studios de Inglaterra e a post-produción alongará-se até o ano que ven, cando está prevista a estrea.

O cómic, aparecido na mítica revista 2000 AD nos anos 80 e creado por Dave Gibbons e Gerry Finley-Day, ten coma protagonista a 19, un soldado de infantaria xenético e único sobrevivente dunha forza de invasión. Desesperado por atopar ao traidor que o enganou a el e mais aos seus compañeiros, o super-soldado vai acompañado por tres camaradas de pelotón que morreron en combate, pero cuxas persoalidades foron gardadas no seu fusil, no seu casco e mais na súa mochila.

Nun comunicado, Jones afirma: “2000 AD ofrece un sabor moi distinto da acción nos cómics: por veces, é política e brutal, pero sempre cunha chiscadela Pythonesca nos ollos. Dredd (2012) foi unha mostra do que a 2000 AD ten para ofrecer e agora imos amosar ao mundo o outro lado da besta. É un verdadeiro priviléxio ter a oportunidade de facer Rogue Trooper“.

A Treehouse Digital está a crear todas as imaxes e animacións para este filme.