Burton dirixe á muller de quince metros

288

Meses antes de que a súa secuela de Beetlejuice se estree o 6 de setembro, o realizador Tim Burton ven de aceptar outro encargo e xa ten un novo proxecto en marcha: a nova versión do clásico do cinema de ciéncia-ficción independente de 1958 Attack of the Fifty Foot Woman para a Warner Bros. Pictures.

A autora de Gone Girl e Dark Places, Gillian Flynn, é a guionista desta longametraxe, que ofrecerá unha nova visión do filme orixinal que se converteu nun clásico de culto dende a súa aparición nos anos 50. Allison Hayes foi a protagonista daquela película, no papel dunha rica herdeira cuxo encontro cun extra-terrestre fai-lle medrar até se converter nunha xigante. Isto complica as cousas para o seu matrimónio, que xa estaba en perigo por mor do seu home ser un mullereiro.

O argumento da película era unha variación doutros filmes de ciéncia-ficción dos anos 50, nas que persoas e criaturas medran ou encollen até acadar diversos tamaños. As críticas da época foron moi boas, e dende a súa estrea, Attack of the Fifty Foot Woman converteu-se nun filme de culto entre os fans. En 1993, a HBO fixo un remake con Daryl Hannah de protagonista e Christopher Guest coma director.

Ademais de dirixir, Burton producirá a nova versión xunto a Andrew Mittman e Tommy Harper.