Evans e Jovovich regresan para rachar co mundo

231

Luke Evans e Milla Jovovich, os coprotagonistas do filme de aventuras The Three Musketeers, volverán a traballar xuntos no thriller de acción e ciéncia-ficción World Breaker. O realizador Brad Anderson, responsábel de recentes éxitos do cinema de terror coma The Call ou Session 9, dirixirá esta longametraxe, que suporá o seu primeiro proxecto dentro do xénero fantástico dende que fixera a postapocalíptica Vanishing on 7th Street en 2010.

O argumento está situado cinco anos despois de que unha esgazadura no tecido da realidade trouxera ao noso mundo criaturas dunha dimensión alternativa que teiman a nosa destrución. Un pai agocha á súa filla nunha illa para a manter a salvo, mentres a prepara para a supervivéncia e as batallas que se aveciñan, pero ningún lugar é realmente seguro.

Joshua Rollins (Infinite Storm) é o guionista da película, que se rodará en Irlanda do Norde. Martin Brennan é o seu produtor, e o proxecto se presentará no Mercado do Cinema Europeo de Berlín, a celebrar do 15 ao 21 de febreiro na capital alemá.