O bispo auxiliar da cidade de Linz, Gerhard Maria Wagner, viu-se obrigado a pedir á Santa Sede que cancele o seu nomeamento despois da enorme polémica desatada en Austria polas suas opinións.
A petición de renúncia de Wagner fixo-se oficial mediante un breve comunicado, no que di que “ante as intensas críticas e despois de o consultar co bispo diocesano, cheguei á conclusión de pedir ao Santo Pai en Roma a retirada do meu nomeamento como bispo auxiliar de Linz“.
Wagner ergueu unha profunda polémica na igrexa católica e na sociedade austriaca polas suas declaracións. Nunha ocasión, o prelado afirmara que o personaxe da literatura infantil Harry Potter era “satánico“. Mais recentemente, o bispo dixo que a homosexualidade é unha enfermidade que pode ser curada.
Wagner, de 54 anos, xa estivo no centro da polémica no 2005, despois da devastación da cidade americana de New Orleans polo furacán Katrina. Nesa ocasión, o polémico crego escribeu na sua folla paroquial, na localidade de Windischgarsten, que toda a destrución causada pola traxédia natural debia-se mais á “contaminación espiritual” que á ambiental.
“Non é unha casualidade que en New Orleans fosen destruídas as cinco clínicas abortistas que existían e todos os clubes nocturnos“, indicou o daquela pároco.
Con ese historial de posturas ultraconservadoras, o anuncio do seu nomeamento como bispo auxiliar da terceira maior cidade de Áustria provocou unha chúvia de críticas desde instáncias políticas e relixiosas dese país.
Pese ao explicito apoio do cardenal de Viena, Christoph Schönborn, moi cercano ao papa Bieito XVI, os fieis de base e mesmo parte da hierarquía eclesiástica austríaca criticaron duramente o nomeamento.
Esas críticas ameazaban, no caso dos crentes de a pé, con se transformaren nunha vaga de baixas dos rexistos da igrexa austriaca, cuxa credibilidade ficou moi afectada nos últimos anos por mor de vários escándalos sexuais e de pedofilia protagonizados por cregos.
Só en 2008, unhas 40.600 persoas se deron de baixa do rexisto de fieis existentes nese país, tradiciónalmente católico. Un 66 por cento da povoación – uns 5,6 millóns – define-se ofícialmente como católica.