Os ricos se agochan no refúxio

143

A semana pasada deu comezo a rodaxe de El refúgio atómico, unha nova série creada por Álex Pina e Esther Martínez Lobato, os responsábeis de éxitos da Netflix coma Money Heist, Sky Rojo e Berlin. Ao longo de oito episódios dunha hora cadanseu, a história narrará como a 3ª Guerra Mundial comeza e un grupo de multi-millonários se refúxia nun búnquer de luxo chamado Kimera Underground Park.

Dende dentro dos seus muros, o grupo será testemuña de como o mundo é destruído en vivo e en directo xusto por riba das súas cabezas, e mentres a situación fóra é cada vez mais aterradora, eles gozan ao máximo da súa vila privada, con canchas de baloncesto, restaurante, xardín zen, bar de cócteis, psicólogos particulares, ximnásio e spa. Coma no concurso do Big Brother, deberán acostumar-se a vivir xuntos nun universo cheo de enigmas, onde os negócios e os conflitos familiares continuarán, pero doutro xeito.

Os protagonistas son Miren Ibarguren, Joaquín Furriel, Natalia Verbeke, Carlos Santos, Montse Guallar, Pau Simon, Alicia Falcó, Agustina Bisio e Álex Villazón, a quen dirixen Jesús Colmenar, David Barrocal e mais o mexicano José Manuel Cravioto. O guión corre a cargo de Pina, Martínez Lobato, David Barrocal, David Oliva, Lorena G Maldonado e Humberto Ortega.

A série ten previsto ser emitida xa ao longo deste mesmo ano na Netflix.