Revelados os novos Catro Fantásticos

266

Por fin é xa oficial o elenco completo de Fantastic Four da Marvel Studios, e os nomes por unha vez coinciden totalmente co que revelaban os rumores até agora.

Pedro Pascal interpretará a Reed Richards, Vanessa Kirby é Sue Storm, Joseph Quinn é Johnny Storm e Ebon Moss-Bacharach será Ben Grimm. Os outros nomes e papéis rumoreados nestes últimos meses foron os de Javier Bardem coma Galactus e Anya Taylor-Joy coma Silver Surfer, pero estes aínda non foron nin confirmados nin desmentidos.

Matt Shakman dirixe a película a partir dun guión orixinal de Josh Friedman, Jeff Kaplan e Ian Springer, baseado nos persoaxes creados por Stan Lee.

Nos cómics, após de seren sometidos a ráios cósmicos nunha viaxe ao espazo, Reed Richards pode estirar-se até lonxitudes extraordinárias, Sue Storm pode volver-se invisíbel e crear campos de forza telequinéticos, Johnny Storm pode voar e controlar o lume, e Grimm converte-se nun montón de rochas andantes.

A 20th Century Fox fixo tres películas anteriores cos Catro Fantásticos, pero ningunha delas recibiu o agarimo da crítica ou dos fans. Esta será a primeira vez que os persoaxes que inauguraron a Marvel moderna cheguen aos cinemas dentro do Universo Cinemático de seu creado a princípios dos anos 2000, e só despois de que Mr. Fantastic tivera un pequeno cameo no filme Doctor Strange And The Multiverse of Madness, interpretado daquela por John Krasinski.

A Marvel Studios anunciou asemade que adiantará a estrea de Thunderbolts ao comezo do verán, o 2 de maio de 2025, mentres que Fantastic Four estará nas carteleiras a partir do 25 de xullo.