Joseph Quinn protagoniza o relapso de Ellis

181

O guionista e escritor responsábel de supervendas coma American Psycho ou Lunar Park, Bret Easton Ellis, debutará coma director de cinema coa película de terror elevado Relapse.

Joseph Quinn (Stranger Things) protagonizará a longametraxe no papel de Matt Cullen, un home que ingresa en rehabilitación tras presenciar unha horríbel morte durante unha festa baixo os efectos das drogas. Tres meses despois, tenta refacer a súa vida na mansión dos seus pais nos outeiros de Los Angeles. Alimentado por unha persoalidade inestábel e o poder invasor das redes sociais, a paranóia de Matt vai medrando.

Cando comeza a consumir drogas de novo, unha misteriosa presenza empeza a medrar ao seu redor, e un monstro que o estivo a perseguir dende que era un adolescente se lle revela. O seu terapeuta tenta axuda-lo, convencido de que o monstro está en realidade na cabeza de Matt.

A DDT Studios (Society of the Snow) encargará-se do deseño das criaturas. Adrian Guerra e Simon Wallon producirán o proxecto, que se presentará esta fin de semana no EFM de Berlin cun tráiler.

Ellis (1964) é un escritor satírico cuxo sistema consiste en describir actos e opinións estremas dun xeito totalmente desapaixoado. As súas novelas adoitan contér persoaxes recorrentes, creando deste xeito un universo de seu para os lectores. Aínda que ten vários cretos coma guionista de cinema, está será a súa primeira experiéncia coma director despois de se encargar da websérie The Deleted en 2016.

Mentres, a HBO ven de anunciar que o novo libro de Ellis, The Shards, unha novela sobre asasinos en série, será convertido en série para a televisión.