Alex Cox, director da clásica comédia de ciéncia-ficción Repo Man, regresará ao universo da súa película de mais sona nunha secuela que presentará aos posíbeis inversores no decurso do Festival de Cinema de Berlín e no European Film Market a celebrar na capital alemá esta fin de semana.
Co título Repo Man 2: The Wages of Beer, a película conta coa produción da Buffalo 8 Productions, unha compañía que se deu a coñecer grazas ao éxito da série da Netflix The Jeffrey Dahmer Tapes. Cox escribiu o guión e ademais será o director do filme.
Kiowa Gordon, a quen os fans relembrarán polo seu papel de Embry Call na saga de Twilight e pola série da AMC Dark Winds, protagoniza esta longametraxe coma Otto, a quen Emilio Estévez deu vida no filme orixinal de 1984. A película ten lugar despois de que Otto entre no seu coche, un Chevy Malibu de 1967, e comece unha viaxe a través dos infinitos do espazo e o tempo. O que son exactamente 90 minutos.
Os realizadores prometen que este filme será “unha emocionante mestura de enerxía punk, comédia existencial e narración non convencional, navigando polo absurdo e caótico mundo dos recuperadores de coches impagados nunha nova era de política nuclear e coches sen condutor“.
Lorenzo O’Brien producirá a secuela xunto a Adam Harris Engelhard, Matthew Helderman e Luke Taylor. Michael Mortensen e Ram Getz serán os produtores executivos.