Silk despide aos seus guionistas

162

A série Silk: Spider Society someterá-se a unha revisión completa de desenvolvemento e ven de despedir a toda á súa equipa de guionistas. O novo enfoque creativo orientará a série cara un público masculino.

Cando se anunciou a finais de 2022, revelara-se que a produtora executiva de The Walking Dead Angela Kang sería a showrunner e desenvolvería a série xunto cos directores de Spider-Man: Into the Spider-Verse Phil Lord e Christopher Miller. Polo de agora, todos eles continúan vencellados ao proxecto, o mesmo que os co-produtores executivos Kai Wu e Jim Barnes.

O traballo dos guionistas comezara hai meses, mesmo antes da folga do ano pasado, pero tras do seu remate, o sindicato WGA ameazou con demandar á Amazon por non volver chamar aos traballadores aos seus postos. Agora a Amazon andou sen tentos e decidiu, despois dos pésimos resultados de Madame Web no cinema, despedir a todos.

Silk: Spider Society ten a intención de ser a primeira de várias séries de televisión con acción real baseadas nos persoaxes da Marvel Comics dos que a Sony posúe os dereitos, e estará centrada en Cindy Moon, unha muller coreano-americana trabada pola mesma araña que converteu a Peter Parker en Spiderman.

A acción seguirá a Cindy mentres “escapa do seu encarceramento e procura á súa família desaparecida no seu camiño para chegar a ser a superheroína coñecida coma Silk“.

Este é un dos dous proxectos baseados nos persoaxes da Marvel da Sony que están en preparación na Prime Video; o outro é Spider-Man Noir.