Morreu Akira Toriyama

709

Akira Toriyama, o lendário creador de mangas que nos forneceu Dragon Ball e ún dos mangaka mais famosos e influíntes de todos os tempos, ven de finar aos 68 anos.

A nova foi confirmada pola web oficial de Dragon Ball, nunha carta dirixida aos fans de todo o mundo, pero o certo é que Toriyama morreu hai xa unha semana, o pasado 1 de marzo, por mor dun hematoma subdural agudo.

Grazas ao apóio de tanta xente en todo o mundo, [Toriyama] puido continuar coas súas actividades creativas durante mais de 45 anos“, di a carta. “Esperamos que o mundo único de creación de Akira Toriyama sega a ser amado por todos durante moito tempo“. E engade: “Comunicamo-vos esta triste nova, con agradecemento pola vosa amabilidade durante a súa vida“.

Toriyama naceu en 1955 e comezou a debuxar dende neno, influído polo estilo da Disney, pero o seu interese polo manga foi espertado por Astro Boy e Ultraman, e así comezou a escribir e ilustrar a finais dos anos 70, tras chamar a atención dos editores de Shūkan Shōnen Magajin, a revista que publicou a súa primeira obra, Wonder Island, en 1978, e aí creou diversas séries ao longo dos anos seguintes, entre elas o seu primeiro grande éxito, Doutor Slump, que o converteu nun nome familiar entre os fans. Pero este éxito ficaría en nada cando en 1984 comezou a série que o converteu nunha lenda mundial, o Dragon Ball orixinal (As bólas máxicas en galego). Narrando as aventuras de Son Goku, un mozo experto en artes marciais con cola de mono que se enfronta ao exército da Cinta Vermella e percorre o mundo na procura das misteriosas Bolas de Dragón, o manga converteu-se decontado nun éxito e continúa hoxe a ser un dos mais populares de todos os tempos.

Após da sona acadada grazas a Dragon Ball, chegou a adaptación ao anime do manga, que tivo un éxito semellante, e logo, por suposto, á série sucesora protagonizada por un Son Goku mais medradiño, Dragon Ball Z, ún dos anime mais influíntes de todos os tempos e responsábel probabelmente da primeira explosión de popularidade do manga en occidente cando se dobrou a moitos idiomas, entre eles o galego. Ao longo da cada vez mais salientábel popularidade de Dragon Ball, Toriyama continuou creando novas séries e histórias e, por suposto, axudou a crear o concepto e mais o deseño de videoxogos coma Dragon Quest ou Chrono Trigger.

En 1982 casou con Yoshimi Katō, unha artista de manga que o axudou con Dr. Slump, e tiveron dous fillos. Viviu maiormente sen aparecer moito en público, recluído na súa casa-estudo de Kiyosu, e gostaba dos coches, as motos, e os gatos.

Toriyama sempre regresou a Dragon Ball, nas pantallas e nos cómics, axudando a desenvolver a continuación do manga e a súa adaptación ao anime, Dragon Ball Super, a partir de 2015. Mesmo até a súa morte continuou a traballar en novos proxectos: a adaptación ao anime do seu manga Sand Land (2000) emitirá-se en todo o mundo a través da Disney+ este mes, e Dragon Ball Daima, un nuevo capítulo da saga que devolve a Son Goku á súa mocidade, está aínda en desenvolvemento coa estrea prevista para finais deste ano.