A DC Studios de James Gunn e Peter Safran e mais a Warner Bros. Pictures están a preparar unha adaptación con acción real da série da DC Comics Teen Titans.
A actriz e guionista Ana Nogueira será a encargada de escribir o guión do proxecto. Nogueira ten arestora aínda outra tarefa pendente na DC, a nova película Supergirl: Woman of Tomorrow.
Os Teen Titans son un grupo de superheroes creado nos anos 60 con Robin, Kid Flash, Aqualad e Wonder Girl, aínda que esa primeira versión non acadou moito éxito. Nos anos 80 relanzaron-se da man de Marv Wolfman e George Perez cunha equipa formada por Robin, Cyborg, Raven, Starfire, Beast Boy e Wonder Girl. Desta volta atinxiron un enorme éxito e chegaron ao número un de vendas na DC.
Na pequena pantalla recadaron asemade excelentes críticas con Teen Titans Go!, unha comédia de debuxos animados que xa leva oito tempadas na Cartoon Network. E o grupo foi ademais a base de Titans, a recente série de televisión de acción real de 2018 que durou catro tempadas.
Polo de agora aínda non está claro onde encaixará esta película nos plans de renovación da DC de Gunn e Safran.