Paul Auster, candidato ao Prémio Arthur Clarke

0
277

Paul AusterNon poderia dicir-se que Paul Auster sexa un autor de ciéncia-ficción, alomenos non no sentido clásico deste xénero literário, pero o xurado que decidirá o gañador do vindeiro Prémio Arthur Clarke de Ciéncia-Ficción considerou que a súa última novela, Un home na escuridade, reúne as características como para aspirar a gañar este concurso.

A novela de Auster fala dun home convalecente, August Brill, que aproveita as suas noites de insónia para escreber a história de Owen Brick, quen decide que ten que aniquilar a quen lle deu vida para pór fin ao seu próprio tormento que é o de vivir nun buraco sen saída.

A atmosfera de irrealidade, a interrelación (e confusión) de planos que fan que o leitor non saiba xa se lé o plano “real” da ficción ou o seu plano intraficcional é probabelmente o recurso que fai que esta obra non poda calificar-se de “realista” no sentido moderno e é o que xustifique a presenza de Auter nesta listaxe de candidatos.

O Prémio Arthur Clarke de Ciéncia Ficción é o principal prémio literário en Ciéncia-Ficción de Inglaterra e prémia aos mellores autores do xénero. Fundou-no o próprio autor de 2001, Odisea no espazo e Cita con Rama, entre outras, quen faleceu o ano pasado aos 90 anos. Os autores preseleccionados darán-se a coñecer en marzo, pero por primeira vez desde que se fundou o prémio, deu-se a coñecer a lista ampliada na que xa aparece Auster.

Non é, por outra banda, a única obra concursante que non é puramente de ciéncia-ficción, xa que tamén se atopan presentes na lista obras de literatura infantil e xuvenil, coma unha novela de Patrick Ness. Tamén participa o fillo de John Le Carré, Nick Harkaway, coa súa primeira obra.

Son 46 novelas, o 13% das cales está escrita por mulleres (un pouco menos que en edicións anteriores). O veredito final anunciará-se o 11 de abril no marco da Eastercon ou Convención Anual Británica de Ciéncia-Ficción.