Os Piratas do Caribe reinícian a franquía

279

O produtor de Pirates of the Caribbean, Jerry Bruckheimer, ven de confirmar que o seu plan é reiniciar a popular franquía de aventuras da Disney, que recadou 4.500 millóns de dólares en cinco películas: “Imos reiniciar ‘Piratas’, así que é mais doado de montar porque non tes que esperar a certos actores“.

O comentário de Bruckheimer fai pensar que a vindeira película da saga contará cun  elenco completamente novo, o que significa que Johnny Depp non regresaría ao seu papel do capitán Jack Sparrow. Depp protagonizou as cinco películas estreadas até a data.

No verán de 2020 soubera-se que a Disney estaba a dar os primeiros pasos para desenvolver dúas novas entregas dos Piratas: un reinício dirixido por Margot Robbie e mais unha sexta película da franquía orixinal escrita por Craig Mazin e mais Ted Elliott, o co-autor dos catro  primeiros guións.

O ano pasado Mazin dixo que o guión da sexta película é tan estraño que está abraiado de que a Disney o aceptara: “Presentamo-lo e coidabamos que de ningún xeito o ían mercar, é demasiado raro. E o fixeron. E logo [escribimos] un guión fantástico e chegou a folga e todo o mundo está a agardar“.

A última película da saga, Dead Men Tell No Tales, estreou-se en 2017. Robbie dixo en novembro de 2022 que a súa película dos Piratas, escrita por Christina Hodson (Birds of Prey), fora descartada, e engadiu que tiñan unha ideia protagonizada por mulleres, pero “non queren face-la“.

Con todo Bruckheimer aclarou que o guión de Robbie “sairá adiante nalgún momento” e que o proxecto non está morto, pero que a Disney dá prioridade ao filme de Mazin e Elliot.

O argumento do novo filme aínda segue en segredo, polo que non se sabe se o capitán Sparrow regresará dalgún xeito. Polo de agora, Depp continúa na lista negra de Hollywood por mor dos seus problemas legais.