Julia Garner é a Silver Surfer

99

A gañadora dun Emmy Julia Garner (Ozark) é a elixida para facer o papel de Silver Surfer na vindeira película da Marvel Studios Fantastic Four.

Garner interpretará a versión Shalla-Bal do Silver Surfer, quen nos cómics é o heraldo de pel prateada do devorador de planetas Galactus. Shalla é a emperatriz de Zenn-La e amante de Norrin Radd, o Silver Surfer orixinal.

A finais do ano pasado rumoreara-se que Anya Taylor-Joy interpretaría o papel, cousa que ao cabo non aconteceu, pero as informacións sobre unha Silver Surfer feminina son fieis ao espírito dos cómics, nos que várias mulleres foron xa heraldos de Galactus.

En todo caso, Garner úne-se a un elenco no que xa están Pedro Pascal como Reed Richards (Mr. Fantastic), Vanessa Kirby como Sue Storm (a Muller Invisíbel), Joseph Quinn como Johnny Storm (a Antorcha Humana) e mais Ebon Moss-Bachrach coma Ben Grimm (Thing).

O produtor de WandaVision e Monarch: Legacy of Monsters, Matt Shakman, dirixe este terceiro reinício dos 4F no cinema a partir dun guión que escribiron Josh Friedman, Jeff Kaplan, Eric Pearson e mais Ian Springer. O filme rodará-se nos estudos Pinewood de Londres este verán coa vista posta nunha estrea que non chegará até maio de 2025.