Willimon contará-nos o amencer dos Jedi

280

O dramaturgo e guionista Beau Willimon ven de recibir o encargo oficial da Lucasfilm para escribir o guión da vindeira longametraxe da franquía da Guerra das Galáxias, que dirixirá James Mangold e que se titulará Star Wars: Dawn of the Jedi.

Aínda que Willimon é sobre todo coñecido por ser o creador da clásica série política House of Cards na Netflix, tamén é o autor da que para moitos é a mellor parte da primeira tempada de Star Wars: Andor, o arco argumental de tres episódios ambientado na prisión de Narkina 5, e que inclúe o memorábel monólogo de Stellan Skarsgård sobre “o que sacrifiquei“).

Agárda-se que o proxecto se mergulle nas orixes da Forza e se sitúe uns 25.000 anos antes de calquera das liñas temporais e histórias contadas polas películas e as séries da saga até o momento.

Mangold, responsábel tamén de Indiana Jones and the Dial of Destiny, cualificara con anterioridade a súa versión coma algo semellante a “unha epopea bíblica, coma os Dez Mandamentos, sobre o amencer da Forza“. Este será posibelmente o seu seguinte proxecto en canto dea rematado o seu traballo actual nun filme biográfico de Bob Dylan.

O proxecto presentara-se por primeira vez hai un ano na última Star Wars Celebration de Londres, que tivo lugar en abril de 2023, e a nova da contratación produce-se xusto despois de que a Disney anunciara onte mesmo a estrea da película familiar The Mandalorian & Grogu para o 22 de maio de 2026.