O rexurdimento dos Heroes

160

A série de superheroes de Tim Kring de 2006 Heroes podería contar axiña cun segundo rexurdimento. Kring está a traballar nun proxecto titulado Heroes: Eclipsed, que será unha história ambientada anos despois dos acontecementos da orixinal.

En Heroes vimos como novos humáns evolucionados (os chamados “evos”) están a espertar e descobrir que posúen superpoderes que mudarán as súas vidas e cos que tentarán salvar ao mundo, mentres que os superfalcatruáns e diversos inimigos tentan eliminar este seguinte chanzo da evolución.

O proxecto polo de agora ofreceu-se a vários posíbeis interesados, entre eles a canle NBC, todo mentres que un eclipse de verdade pasou por América do Norde, xusto coma acontecía na série.

Esta sería en todo caso a segunda vez que se revive aos heroes. A primeira foi en 2015 con Heroes Reborn, na que regresaron os actores Jack Coleman, Sendhil Ramamurthy, Masi Oka e Greg Grunberg.

A nova versión pretende ser unha série contínua e non só limitada coma a de 2015, e quere recuperar a máxia da súa lendária primeira tempada, que foi todo un acontecemento cultural na época, mentres que as seguintes tempadas fracasaron entre a crítica e o público.

Kring e Jordan Cerf serán os produtores executivos no nome da Universal Television.