A Blumhouse prepara á nova Bruxa de Blair

244

A Lionsgate e mais a Blumhouse Productions veñen de asinar un acordo polo que realizarán conxuntamente várias películas nas que a Blumhouse fará novas versións dalgúns dos clásicos do terror da Lionsgate. E ambos estudos, que xa traballaran xuntos recentemente no filme Imaginary estreado o mes pasado, fixaron un primeiro proxecto: a nova versión de Blair Witch Project.

O filme orixinal, de 1999, rodou-se con tan só 35.000 dólares de orzamento e recadou preto de 250 millóns nos despachos de billetes de todo o mundo. O éxito deu lugar a unha secuela en 2001 e logo a un relanzamento con maior presuposto en 2016. Roy Lee, responsábel do filme de 2016, volverá para esta.

Aquel éxito fixo comezar ademais o boom dos filmes de medo con “metraxe atopada”, que logo se reproduciría noutras franquías coma a de Paranormal Activity, que levou precisamente a crear a Blumhouse.

Adam Fogelson, presidente da Lionsgate, e Jason Blum, director da Blumhouse, anunciaron a nova nun comunicado: “Non hai ninguén mellor neste xénero que a equipa da Blumhouse. Estamos encantados de iniciar esta asociación cunha nova visión de Blair Witch que reintroducirá este clásico do terror para unha nova xeración“.

Polo momento aínda non se sabe cando podería comezar a produción e a rodaxe.