A Paramount cancela Lower Decks

284

A Paramount+ ven de renovar Star Trek: Strange New Worlds para unha cuarta tempada, meses antes de que mesmo se remate de rodar a terceira, que está aínda en produción e que non se agarda que chegue ás pantallas polo menos até 2025.

Porén no lado negativo, a compañía de streaming confirmou asemade que a anteriormente anunciada quinta tempada da comédia de debuxos animados Star Trek: Lower Decks será a derradeira. Os novos episódios chegarán á tele en outono.

Nun comunicado conxunto, o showrunner Mike McMahan e mais o produtor executivo da franquía Alex Kurtzman dixeron:

“Aos fans, queriamos que souberades que este outono será a quinta e derradeira tempada de Star Trek: Lower Decks. Aínda que hoxe en día cinco tempadas de calquera série semellan un milagre, non é esaxerado dicir que cada segundo que pasamos facendo esta série foi un soño feito realidade. O noso incríbel elenco, equipa e artistas deron todo o que teñen porque aman aos persoaxes que interpretan, aman o mundo que construímos e, sobre todo, todos amamos Star Trek. Estamos desexando que o mundo vexa a nosa divertidísima quinta tempada, na que estamos a traballar arestora, e a boa nova é que todos os episódios anteriores ficarán na Paramount+, así que aínda hai moito que agardar mentres celebramos á tripulación do Cerritos cunha grande despedida“.

Jack Quaid, Tawny Newsome, Noël Wells, Eugene Cordero, Dawnn Lewis, Jerry O’Connell, Fred Tatasciore e Gillian Vigman prestaron as súas voces aos persoaxes da série de debuxos animados.

Mentres tanto, Star Trek: Discovery está no médio da súa quinta e derradeira tempada, o filme Star Trek: Section 31 rematou a súa rodaxe e a série xuvenil Star Trek: Starfleet Academy comezará a se producir a finais deste ano.