Guionistas de Rick e Morty reescriben One Punch Man

170

A guionista e comediante Heather Anne Campbell (Rick and Morty) ven de confirmar que ela e mais o cocreador de Rick and Morty Dan Harmon están a traballar oficialmente nunha reescritura da adaptación cinematográfica de One-Punch Man na Sony Pictures.

O título comezou en 2009 coma un webcómic e mais tarde pasou ao manga, e conta coma protagonista a un superheroe chamado Saitama que ten o poder de derrotar a calquera inimigo cunha soa puñada, polo que se aburre decontado e sempre está á procura dun reto maior.

A franquía foi xa adaptada ao anime e mais aos videoxogos, ambos aclamados pola crítica, mentres que os cómics contan xa con 26 volumes e é un dos mangas mais vendidos de todos os tempos.

Segundo as últimas novas, de hai xa case dous anos, os guionistas de Venom e Jumanji: The Next Level, Scott Rosenberg e Jeff Pinkner, estaban a traballar no guión xunto ao daquela recén contratado director Justin Lin.

Nestes intres, Lin continúa vencellado ao proxecto, que contará coa produción de Avi Arad e Ari Arad.