Callum Turner, protagonista de Masters of the Air, The Boys in the Boat e Fantastic Beasts, ven de se facer co papel principal na adaptación para a série de televisión da clásica novela de ciéncia-ficción de William Gibson Neuromancer.
A série, que contará con dez episódios, é obra de Graham Roland (Dark Winds, Jack Ryan) e JD Dillard (The Outsider). Roland exerce de showrunner e Dillard dirixirá o piloto, mentres que ambos os dous serán os produtores executivos.
Neuromancer vai sobre un danado pero experto super-hacker chamado Case (Turner), que se ve mergullado nunha rede de espionaxe dixital e crime de alto risco coa súa compañeira Molly, unha asasina con ollos de espello, co obxectivo de levar a cabo un atraco a unha dinastía corporativa con segredos inconfesábeis.
Neuromancer destaca por ser a mais famosa das primeiras novelas ciberpunk e por afondar nas cuestións do ciberespazo, a realidade virtual, a intelixéncia artificial e a tecnoloxía barata omnipresente moito antes de que estas cousas se converteran en realidade na nosa cultura moderna.
Nas últimas décadas fixeran-se vários intentos de adaptar o libro ao cinema, pero ningún deles superou a fase de desenvolvemento.
Gibson, Zack Hayden, David Ellison, Dana Goldberg, Matt Thunell, Drake, Adel “Future” Nur e mais Jason Shrier son os outros produtores executivos da série, que emitirá a canle de pago Apple+ para a Skydance Television e a Anonymous Content.