Pacino e Stevens van-se de exorcismos

321

O veterán actor Al Pacino e mais o prometedor Dan Stevens (Legion, Apostle) unirán as súas forzas nun filme de terror e exorcismos titulado The Ritual e que producirá a XYZ Films.

Baseado nunha história real, o filme seguirá a dous curas, ún dos cales cuestiona a súa fe (Stevens) e outro pelexado cun pasado problemático (Pacino), que deberán pór as súas diferéncias á marxe para salvar a unha rapaza endemoñada nunha perigosa série de exorcismos.

A película basea-se na história de Anna Ecklund, alcume de Emma Schmidt, unha muller americana cuxa posesión diabólica rematou nun conxunto de extenuantes e violentos exorcismos nos anos 20 do século pasado. O seu caso é aínda hoxe o mellor documentado da história dos Estados Unidos.

Ashley Greene e Abigail Cowen co-protagonizarán a longametraxe, que David Midell (The Killing of Kenneth Chamberlain) dirixe e escribe xunto a Enrico Natale. O mesmo Natale, Andrew Stevens e mais Mitchell Welch serán os produtores.

Os plans polo momento son estrear o filme nas salas de cinema en 2025. Agárda-se pór o proxecto á venda no decurso do vindeito festival de Cannes a partir do 14 de maio.

Mália a súa longa e prestixiosa carreira, Al Pacino non conta con moita experiéncia no xénero de terror, aínda que xa fixo unha vez o papel do demo en The Devil’s Advocate. Pola súa banda, Stevens é un habitual para os fans do fantástico e podémo-lo ver actualmente nos cinemas no filme Godzilla x Kong: The New Empire.