Kristen Stewart regresará aos filmes de vampiros que a fixeron famosa, esta vez da man de Oscar Isaac, e xuntos protagonizarán o thriller Flesh of the Gods.
Achega o proxecto o director de Beyond the Black Rainbow, Panos Cosmatos, quen dirixirá a fita, mentres que Adam McKay e Betsy Koch producirán esta nova longametraxe.
Ambientada en Los Angeles durante a década de 1980, a história vai sobre o matrimónio formado por Raoul (Isaac) e Alex (Stewart), que descenden cada noite do seu luxoso condomínio nun rañaceos e internan-se nun eléctrico reino nocturno de Los Angeles.
Cando se atopan cunha misteriosa e enigmática muller e mais a súa camarilla de trouleiros, Raoul e Alex ven-se seducidos por un mundo glamuroso e surrealista de hedonismo, emoción e violéncia.
Nun comunicado, Cosmatos dixo: “O mesmo que Los Angeles, Flesh of the Gods sitúa-se no limbo entre a fantasía e o pesadelo. Propulsiva e hipnótica á vez, Flesh levará-te nunha viaxe en bólido até o corazón do inferno“.
O guionista de Se7en, Andrew Kevin Walker, está a escribir o filme, baseando-se nunha história orixinal de Cosmatos e Walker. Isaac e Gena Konstantinakos tamén producen. A rodaxe está prevista para finais deste ano.