Nicolas Cage, FKA Twigs, Noah Jupe e Souheila Yacoub protagonizarán a fita de terror sobre o Neno Xesús titulada The Carpenter’s Son, coa dirección do exipcio-americano Lotfy Nathan.
A sinistra história segue a unha família que se agocha no Exipto romano. O fillo (Jupe), coñecido só coma “o Neno”, é levado á dúbida por outro misterioso neno e rebela-se contra o seu titor, o Carpinteiro (Cage), revelando poderes inherentes e un destino alén da súa comprensión.
A medida que exerce o seu poder, o Neno e a súa família converten-se no albo de horrores tanto naturais coma sobrenaturais. O guión seica está inspirado no Evanxeo apócrifo de Santo Tomás, que narra a infáncia de Xesús e data do ano 60 EC.
A cantante inglesa FKA Twigs, quen aparecerá ademais no vindeiro reinício de The Crow, interpretará o papel da “Nai”. Cage ven de estrear Arcadian e estará axiña en Cannes con The Surfer, Jupe é o neno de A Quiet Place e a Yacoub vímo-lo por última vez no filme Dune: Part Two.
A compañía francesa Cinenovo e mais a americana Spacemaker producen este proxecto, que sucede á aclamada ópera prima de Nathan, Harka, de 2022. A rodaxe está prevista para este verán e a produción correrá a cargo de Cage, Julie Viez, Alex Hughes e Riccardo Maddalosso.