Yeoh protagonizará Blade Runner 2099

211

A gañadora do Oscar e recente premiada coa Medalla Presidencial da Liberdade Michelle Yeoh ven de atopar o seu próximo grande papel protagonista con Blade Runner 2099, a série limitada da Prime Video que seguirá á secuela cinematográfica de 2017 Blade Runner 2049.

Os detalles sobre o papel de Yeoh manteñen-se polo de agora en segredo, o mesmo que o argumento da série, que é a nova expansión da franquía de ciéncia-ficción baseada na novela orixinal de Philip K. Dick Do Androids Dream of Electric Sheep?, e que comezou coa película clásica de 1982 de Ridley Scott, Blade Runner. A produción da série deu xa comezo após dun adiamento de case un ano por mor das folgas de 2023. Aínda que nun princípio ía rodar-se en Belfast, a produción está a ter lugar en Praha.

Ademais de exercer de showrunner da série limitada, Silka Luisa é a produtora executiva xunto a Scott, os cofundadores de Alcon Entertainment Andrew Kosove e Broderick Johnson, o presidente de televisión da Alcon Ben Roberts, David W. Zucker e Clayton Krueger da Scott Free Productions, Tom Spezialy, Richard Sharkey, Michael Green, Cynthia Yorkin, Frank Giustra e mais Isa Dick Hackett. Jonathan van Tulleken (Shōgun) dirixe os dous primeiros episódios e tamén exerce de produtor executivo, con Steven Johnson coma coproductor executivo. A Film United é a produtora na capital checa.

O ano pasado, Yeoh converteu-se na primeira gañadora do Oscar á mellor actriz de orixe asiática grazas ao seu papel no filme Everything Everywhere All at Once, pero xa nos anos 90 era unha consumada estrela das películas de acción de Hong Kong, antes de saltar á sona mundial co filme Crouching Tiger, Hidden Dragon.

Entre os seguintes proxectos de Yeoh están Star Trek: Section 31, de Alex Kurtzman, e mais as secuelas de Avatar, de James Cameron.