A caza de Gollum, en 2026

199

En febreiro do ano pasado soubera-se que a Warner Bros. Pictures e mais a New Line estaban a desenvolver mais películas en acción real baseadas nos libros de J.R.R. Tolkien The Lord of the Rings e The Hobbit.

A Warner Bros. Discovery anunciara no decurso dunha asembleia de investidores que pechara un acordo plurianual cos titulares dos dereitos, a Embracer Group AB, que lles permitiría desenvolver os novos filmes co plan de “honrar o pasado, mirar ao futuro e adherir-se ao mais alto nivel de calidade e valores de produción“.

Agora, na nova asembleia de investidores desta mesma mañá, a Warner Bros. Discovery ven de confirmar unha data de estrea en 2026 para a primeira das novas películas previstas, e que se titulará The Hunt for Gollum.

O conselleiro delegado da Warner Bros. Discovery, David Zaslav, fixo o anúncio nunha conferencia telefónica posterior á presentación de resultados e engadiu que o proxecto se atopa nas primeiras fases de desenvolvemento do guión. Ademais confirmou que Andy Serkis regresará ao seu papel de Gollum e que tamén dirixirá o filme.

Zaslav indicou asemade que Peter Jackson e mais as súas parceiras Fran Walsh e Philippa Boyens, responsábeis dos guións das triloxías orixinais dos Anéis e do Hobbit, serán os produtores e estarán vencellados ao proxecto “en cada paso do camiño“.

A triloxía dirixida por Jackson, estreada entre 2001 e 2003, recadou nos despachos de billetes de todo o mundo un total de 2.900 millóns de dólares. A New Line ten pendente de estrear unha longametraxe de debuxos animados independente, titulada The Lord of the Rings: The War of the Rohirrim, para o 13 de decembro, mentres que a carísima série da Amazon Prime The Lord of the Rings: The Rings of Power regresará ás pantallas na súa segunda tempada a finais de ano.