Callaham regresa a Godzilla

220

Dave Callaham, guionista de Shang-Chi and the Legend of the Ten Rings da Marvel Studios, regresará ao universo dos monstros da Universal.

Callaham ven de se incorporar á equipa da franquía de Godzilla e King Kong da Legendary, para a cal xa escribira previamente os primeiros borradores e pola que recibiu un crédito no filme que deu comezo á franquía: Godzilla de 2014.

A contratación produce-se despois de que a recadación de Godzilla x Kong: The New Empire chegase case aos 555 millóns de dólares nos despachos de billetes, o que é o récord dende que Kong: Skull Island se fixera con 568 millóns en 2017. Porén é probábel que The New Empire supere axiña esta cifra e ademais sexa a mais rendíbel, porque o seu orzamento foi inferior ao das demais entregas: só 135 millóns de dólares, mentres que as outras se achegaron aos 200.

Adam Wingard creou a história xunto a Simon Barrett e Terry Rossio, que a escribiu.

A Legendary xa indicou que lle gustaría ver a Wingard volver á cadeira de director, pero este non ten ningún acordo pechado e está listo para rodar a partir de outono outro proxecto coa A24.

As cinco entregas da nova saga de Godzilla levan xa recadados en conxunto 2.500 millóns de dólares en todo o mundo, mentres que asemade a série Monarch: Legacy of Monsters está a ser un éxito para a canle de pago Apple TV+ e xa recibiu o encargo dunha segunda tempada.