A verdade é que ó principio foron uns maleducados. Entendo que non coñecesen as nosas costumes, mais aterrar nun xardín alleo na hora da siesta está mal aquí e en Saturno. Estaba eu durmindo despois dun xantar abondoso cando ouvín un ruído de motores. O primeiro que pensei foi que o fillo do veciño andaba a facer das súas co coche. Vaime escoitar, pensei decidido e saín da casa cara fóra.
Entón vin aquel aparello voador esmagando as miñas roseiras. Quedei un pouco abraiado, debo recoñecelo, mais o sentimento que predominaba era o de raiba. Despois abriuse unha portiña daquel vehículo estraño e saíu, como non, un homiño dicindo cousas que non entendín. Ao ver a miña cara, carraspeou e levou un dedo á gorxa para falarme nun galego que xa me gustaría a min. Dixo estendendo unha extremidade:
— Bo día, estimado señor. Vimos de moi lonxe. Estamos estudando a galaxia e gustaríanos que viñese connosco uns días para axudarnos a crear unha enciclopedia que recolla información sobre as distintas civilizacións. Non sei se vostede se da conta da honra que nos faría. Por isto, prégolle que colla un par de mudas e un cepillo de dentes e suba comigo.
Eu neguei coa cabeza, mais non creo que o tipo interpretase ben a miña linguaxe non verbal porque agarroume dun brazo e tentou que subise con el. De súpeto, unha patrulla da Garda Civil apareceu diante do xardín. Seguramente algún veciño dera a voz de alarma. Así que, aínda non me explico ben por que razón, tirei del e caímos na herba mentres o prato voador facía o propio e desaparecía no ar.
Os gardas viron o prato elevarse coma unha vaca ve pasar un tren e logo dirixíronse a min. Erguinme e comentáronme que segundo o novo reglamento debía facerme cargo da criatura. Mirei para o homiño e logo ós axentes de novo. Dixen:
— E iso por que? Que culpa lle teño eu?
—Vostede sabe que segundo a lei XP-19, no terceiro artigo, indícase que calquera ser vivo considerado superior e atopado nunha propiedade pasará a ser titorizado polo dono do terreo.
—E se daquí a un anaco aparece noutro xardín?
—Non é posible. Agora mesmiño imos identificalo e pasará a estar baixo o seu cargo. Os servizos sociais están a tope, xa sabe como vai. Se quere algunha subvención polas características singulares do seu caso deberá dirixirse aos organismos pertinentes.
Deste xeito falou o axente mentres apuntaba cunha pistola láser á fronte do homiño e logo á miña. É así que o homiño pasou a estar baixo a miña responsabilidade.
E, bueno, aparte da cor púrpura, era bastante normaliño. Un metro cincuenta e cincuenta quilos. O raro de verdade, ao principio, era a súa personalidade e que levase o dedo á gorxa para falar. Facíalle falta un curso intensivo de socialización, así que púxenlle unha gorra do Dépor e vestino o mellor que puiden coa miña roupa clásica para ir á cidade e comezar.
Hei dicir que eu daquela era un viúvo de noventa anos. De saúde ía ben, pero sabía que a natureza é sabia e danos de baixa cando ela precisa. Non teño medo á morte e, de feito, no momento en que o lector lea estas liñas eu xa estarei alimentando ós vermes. Isto é unha especie de testamento ao meu homiño, ao que lle deixo todo para o seu goce e diversión. Pasei tan bos momentos con el. Ensinándolle a ler, nos bares bebendo unha copa, na piscina, nas verbenas e nas excursións. Deume moita compañía, é certo, e eu so quero devolverlle agora o favor. Fíxeno o mellor que puiden e nunca me defraudou, estou tan contento do homiño púrpura a pesar de non ser sangue miña. Estou tan orgulloso de que ao final atopara traballo e botase moza, de que se establecese pola súa conta, de ser un homiño leal e esencialmente bo.
Simplemente quería dicirvos que as rarezas non son obstáculos senon chanzos para ser mellor e que, se algún día vedes un homiño violeta de metro cincuenta non o miredes de esguello ou murmuredes. Quero, pola outra banda, que lle deades un gran abrazo deste vello que soubo velo cos ollos dun neno.