Após da súa recente colaboración en The Ministry of Ungentlemanly Warfare, o cineasta Guy Ritchie e mais o actor Hero Fiennes Tiffin volverán a traballar xuntos nun novo proxecto, Young Sherlock Holmes, para a que a Amazon Prime Video ven de encargar xa a realización dunha série de televisión, que estará baseada na saga de novelas homónima de Andy Lane.
Tiffin interpretará o papel principal, o que supón o seu primeiro grande proxecto televisivo coma protagonista. Ritchie dirixirá e producirá.
A história da orixe do aclamado detective de Sir Arthur Conan Doyle, enchida de acción, sitúa-o con só 19 anos e envolto nun mistério de asasinato na Universidade de Oxford que ameaza a súa liberdade.
Mergullándo-se no primeiro caso da súa vida cuna salvaxe falta de disciplina, Sherlock consigue desentrañar unha conspiración mundial que mudará a súa vida para sempre.
Nunha declaración, Ritchie ofreceu as súas ideias sobre o enfoque para a série:
“En Young Sherlock Holmes imos ver unha nova e estimulante versión do detective que todo o mundo cré coñecer, dun xeito que nunca antes imaxinaran. Imos descifrar a este enigmático persoaxe, descubrir o que lle move e como se converte no xénio que todos amamos“.
A série é o terceiro grande proxecto de Ritchie con Sherlock, despois dos dous rendíbeis filmes de hai mais de dez anos protagonizados por Robert Downey Jr. e Jude Law para a Warner Bros. Pictures.
Young Sherlock Holmes contará con Matthew Parkhill coma produtor executivo, guionista e showrunner. Simon Kelton, Ivan Atkinson, Simon Maxwell, Dhana Gilbert, Colin Wilson, Marc Resteghini e Harriet Creelman serán os outros produtores executivos.