O realizador Zack Snyder está a negociar a posibilidade de regresar á antiga Grécia que lle deu sona a princípios de século. Snyder podería dirixir e producir unha série televisiva que servirá de precuela ao seu filme de 2006 300 para a Warner Bros. Television. O proxecto está porén na fase inicial de desenvolvemento e non hai moitos mais detalles polo momento.
Na negociación incluiría-se o regreso de vários produtores do filme orixinal, entre eles Gianni Nunnari, Mark Canton e Bernie Goldmann. Deborah Snyder e Wesley Coller tamén producirían para a compañía de Snyder, a Stone Quarry.
O filme 300 foi unha adaptación altamente estilizada do cómic homónimo de Frank Miller, baseado á súa vez en acontecementos históricos reais, nomeadamente a batalla das Termópilas.
Leónidas (Gerard Butler), o rei de Esparta, lidera unha pequena forza de trescentos soldados de elite contra o poderoso exército de Xerxes I da Pérsia (Rodrigo Santoro). Lena Headey, David Wenham, Dominic West, Vincent Regan, Tom Wisdom e Michael Fassbender foron os co-protagonistas dunha fita que foi un grande éxito mundial, recadando mais de 450 millóns de dólares a partir dun orzamento inicial de 65 millóns.