A Mattel, Inc. ven de se asociar coa Universal Pictures e mais a Weed Road, a empresa da produtora e guionista Akiva Goldsman, para faceren conxuntamente unha adaptación cinematográfica en acción real da franquía Monster High.
A nova película, actualmente en desenvolvemento, contará cunha historia orixinal baseada na popular liña de bonecas concibidas coma as fillas de monstros lendários.
As bonecas, que chegaron ao mercado en 2010, adaptaron-se previamente ás pantallas en quince especiais de debuxos animados para a televisión ao longo de sete anos. Mais recentemente, unha série de debuxos animados estreou-se na Nickelodeon en 2022 e actualmente atopa-se na súa segunda tempada, mentres que unha película de acción real e mais unha secuela estrearon-se directamente na Nickelodeon e a Paramount+ en 2022 e 2023 respectivamente.
Nun comunicado, a presidenta da Mattel Films, Robbie Brenner, dixo: “Monster High axuda ás fans a descubrir a grande beleza de ser fiel a un mesmo e celebra as sensibilidades únicas no núcleo do que somos como indivíduos. Estamos orgullosos de nos asociar coa Universal Pictures e o brillante Akiva Goldsman para levar esta importante mensaxe o público de todo o mundo“.
Goldsman pola súa banda tamén está a producir coa Mattel o filme Major Matt Mason, dirixido por Tom Hanks, e está previsto que produza as secuelas de Constantine e I Am Legend.