Derek Connolly, o guionista responsábel dos filmes da franquía de Jurassic World, de Kong: Skull Island e de Detective Pikachu, ven de recibir o encargo de escribir a película crossover entre Transformers e G.I. Joe para a Paramount Pictures, e que aínda non conta cun título oficial.
Chris Hemsworth lidera o elenco da longametraxe que xuntará dúas das mais salientábeis liñas de xoguetes da Hasbro. O filme verá como os Autobots e mais os heroes de G.I. Joe loitan xuntos contra os Decepticons e mais a organización terrorista COBRA.
Nos cómics non é a primeira vez que os dous grupos aparecen xuntos, pero isto nunca acontecera nas pantallas até agora, nin nas do cinema nin nos debuxos animados da tele. A única pista que se viu foi unha escena en Transformers: Rise of the Beasts na que o persoaxe de Anthony Ramos recibe unha oferta de traballo dos G.I. Joes.
Lorenzo di Bonaventura, Mark Vahradian, Michael Bay, Tom DeSanto e Don Murphy serán os produtores, mentres que Steven Spielberg será o produtor executivo.
Connolly ten aínda pendente outro traballo, o do guión que adaptará The Legend of Zelda ao cinema para a Sony e a Nintendo, nun filme que dirixirá Wes Ball.