Mália o seu fracaso nos despachos de billetes do ano pasado, a Warner Bros. Animation e a DC Studios continuarán adiante co persoaxe de Blue Beetle para produciren unha nova série de debuxos animados, que se atopa arestora en desenvolvemento.
Miguel Puga será o showrunner e director, mentres que Cristian Martínez será o guionista. Ademais, o director da película de 2023, Ángel Manuel Soto, e mais o seu guionista Gareth Dunnet-Alcocer, serán os produtores executivos xunto a John Rikard.
Dado que o proxecto aínda está en fase de desenvolvemento, aínda non se decidiu cantos membros do elenco da película orixinal regresarán (se é que algún deles regresa). Porén, seica houbo xa contactos con vários actores e todo semella indicar que algúns poderían prestar as súas voces aos persoaxes animados.
A série baseará-se na película, pero tamén contará unha história de seu, que, de ter éxito abondo, podería supór o regreso do persoaxe á pantalla grande.
O elenco orixinal estaba composto por un grupo de recoñecidos actores latinos, entre os que se atopaban Xolo Maridueña, George López, Adrianna Barraza, Damian Alcázar, Elpidia Carrillo, Harvey Guillén, Raoul Trujillo e mais Becky G como a voz do álien Khaji-Da.