Chega a secuela erótica de M3GAN

197

M3GAN, a película de Blumhouse sobre robots asasinos, conta xa cunha secuela en preparación, pero axiña terá ademais un spin-off: un thriller erótico con robots titulado SOULM8TE.

Kate Dolan (You Are Not My Mother) dirixirá a longametraxe após de reescribir un guión orixinal de Rafael Jordan, que é o creador da história xunto a James Wan e Ingrid Bisu. O filme seica quere relembrar os arrepiantes thrillers domésticos de finais dos oitenta, pero dando-lle un toque moderno e tecnolóxico.

Na película, un home adquire un androide para facer fronte á perda da súa esposa recentemente falecida. Nun intento de crear unha compañeira realmente sensíbel, converte sen querer a un inofensivo robot do amor nun arma mortal.

Nun comunicado Dolan dixo: “Fundamentalmente, vexo esta película coma unha exploración das relacións e a soidade. Mália os avances tecnolóxicos, hai verdades humanas perdurábeis das que non podemos escapar, e estou desexando escarvar nesas profundidades“.

Wan e mais Blum producen o proxecto, que se encaixará no que chaman unha expansión do universo de M3GAN, e xa fixaron unha data de estrea: o 2 de xaneiro de 2026.

A primeira M3GAN chegou a primeiros de 2023 e recadou 181 millóns de dólares en todo o mundo. A súa secuela está xa de camiño e ten prevista a estrea para xusto dentro dun ano.