Limpezas Risco S.L. / Tentáculos

364

Daquela estaba eu desempregado e non tiña a sorte de cara. Miraba os anuncios de palabras do xornal rexional cada mañá, so para decatarme de que había moitas máis ofertas sexuais que de traballo, como quince a unha. É así que ao lado da “pechugona viciosa” atopei algo que me interesou. Mentres bebía o café lin as características do choio. Pedían alguén metódico, puntual e suxeito a traballar baixo distintas modalidades de presión. Collín o teléfono e chamei tras rematar a dose de alcaloides. Ao outro lado unha voz de muller contestou:

—Limpezas María Risco, bos días. En que podo axudalo?

—Bos días. Chamaba pola oferta publicada hoxe no xornal. Estou interesado.

—Ben. Buscamos limpadores decididos e nos que poidamos confiar. Que lle parece se concertamos unha entrevista hoxe pola tarde ás 17:00? Atoparános nas Galerías Comerciais do Posío.

—Dacordo. Alí estarei.

Eu nas entrevistas tiña certa práctica e saíu ben. As claves eran darlles o que eles querían ouvir e non morder as unllas. Experiencia limpando? Nacín cunha mopa debaixo do brazo, meu. Considérase meticuloso? Si, é un dos meus defectos.

O meu primeiro destino foi limpar o fondo do océano para un goberno que subcontrataba empresas de limpeza de países menos puxantes economicamente. Unha campaña ecolóxica ou algo así. Fartámonos de coller plásticos de tódalas formas e cores. Noutra ocasión, que lembro ben, tivemos que facer a limpeza do exterior de varios satélites.

Esta última ocasión foi alucinante porque mentres quitábamos o po estelar a aqueles chismes metálicos podíamos ver o noso planeta alí abaixo, se un abaixo existe de verdade.

Hoxe en día é certo que xa moitas persoas teñen experimentado a sensación, mais pertencen ou á clase dos ricos ou dos listos. E eu non caio en ningunha desas divisións. Así que ver aquel planetiña azuliño alí fíxome pensar no que xa outros pensarían antes ca min, é dicir, que grande se cre a humanidade ante a inmensidade da galaxia. Pensaba eu isto e outras cousas cando o coordinador berroume polo chintófano que me puxera a traballar, así que deixei de lado as miñas meditacións metafísicas e seguín pasando o pano ás placas solares.

Tentáculos

Era un deses días de verao nos que o mercurio semella querer romper o termómetro. Sempre imaxinei que os conflitos teñen máis probabilidade de ocorrer con altas temperaturas. O certo é que esta regra cumpriuse aquela tarde e marcoume para o resto da miña vida.

Eu daba clases nunha das universidades da cidade e alí me dirixía co meu maletín de coiro a través do parque. Ía contento. Entrei no fresco da facultade e subín os chanzos ata chegar á miña aula. Pousei o maletín na mesa e sorrín arredor. As bancadas, na forma dun anfiteatro, estaban bastante cheas. Había xentiña de cada recuncho da galaxia coñecida. Había dous marcianos que eran primos e viñeran facer Filoloxía Galega, tres seres con tentáculos púrpuras de Saturno, dous seres con trompa e cegos que proviñan dun planeta que agora non lembro, outro con asas verdes e uns ollos compostos fermosísimos, un tipo con pintas de rapeiro, unha rastafari, uns siameses peludos e cinco ou seis humanos, entre outros moitos. Era un grupo heteroxéneo e eu nunca tivera ningún problema con iso, mais ben ó contrario.

Porén, aquela tarde comecei a falar do rol do artista e a súa influencia na conformación da sociedade cando soltei a desafortunada expresión. Quizais estaba mirando para os de Saturno e os seus tentáculos, mais non estou seguro nin tiña a intención de ferilos. Miraba para eles coma puiden estar mirando para o teito ou calquera outro alumno. Dixen que o artista, ás veces, sentíase “coma un polbo nunha garaxe”. O feito é que tras dicilo houbo un pequeno rumor e os tres seres de tentáculos erguéronse e marcharon da aula.

Por un momento non entendín a causa daquilo. Non fun consciente ata que o día seguinte recibín unha notificación do rector. Nela comunicábaseme que, debido a unhas queixas do meu comportamento, agora un auditor estaría presente nas miñas clases. Non volvín ver os estudantes de Saturno por alí.

A ansiedade cebouse comigo e non podía durmir se non consumía dúas pastillas cada noite. O meu estado de continua precaución danou o meu sistema nervioso. Tíñame que conter e morder a lingua cada pouco e miraba con frecuencia aquel auditor sentado nun curruncho da aula tomando notas. Outra tarde estiven a piques de dicir unha frase do tipo “coma un elefante nunha cacharrería”,mais fun quen de recapitular e calar. As miñas clases comezaban a ser monótonas e cargadas de silencios que eu aproveitaba para pensar como dicir as cousas sen que ninguén se ofendese. Debido a este cambio, os estudantes deixaron de asistir e eu tiven que pelexar por manter o traballo na universidade. Finalmente, despois de todo, decidín dedicarme á tradución de documentos nunha axencia.

Agora estou máis tranquilo e as palabras que uso son a reprodución doutras que non son realmente miñas. A responsabilidade non é miña, pois. Sinto coma que castraron a miña liberdade e que o progreso, segundo algúns, semella estar baseado na prohibición. Por certo, escribo isto co meu oitavo tentáculo.