Villeneuve comeza o terceiro Dune

232

A Warner Bros. Pictures ven de anunciar que o director de Dune, Denis Villeneuve, está a por en marcha unha nova película de grande envergadura que se estreará o 18 de decembro de 2026. O filme, que se espera que sexa o próximo do cineasta canadiano, describe-se coma un “acontecemento” e tamén terá versión en IMAX.

O proxecto ocupa a data xa reservada polos estudos para unha “película familiar da WB sen título”, e é probábel que este filme de Villeneuve substitúa ao que estaba programado. Outras fontes mesmo engaden que a data de comezo da produción sería o mes de agosto de 2025.

Polo momento non se coñecen mais detalles, pero o candidato mais probábel é a terceira parte de Dune, baseada no libro Dune Messiah.

Porén, aínda habería que superar obstáculos, xa que aínda están a traballar no guión e pechando o elenco, pero este é o proxecto no que Villeneuve estivo a traballar os últimos meses.

Fica a dúbida de como Villeneuve pretende trasladar o material, xa que Dune Messiah é un libro decididamente mais escuro e deprimente ca Dune, con moitos mais diálogos, mais estraño, e que desmonta o concepto de Paul Atreides coma “heroe”.

Tal e coma anunciara NOVA FANTASIA en xuño, Villeneuve indicou con anterioridade que ten a intención de facer outra película mais pequena antes de Dune Messiah, pero nestes intres xa non está claro se poderá consegui-lo, coa data de estrea de 2026 xa fixada. Entre os seus proxectos en desenvolvemento están Cleopatra, Rendezvous with Rama e Nuclear War: A Scenario.