Joe e Anthony Russo atopan-se nas primeiras conversas para regresar á Marvel Studios, onde ambos están no camiño de dirixir as dúas vindeiras películas dos Vingadores.
As conversas están nas primeiras etapas, pero o seu regreso está a se decidir en vários frontes e ben podería ir alén deses dous filmes. De se chegar a un acordo, este poría remate a unha procura de meses por parte da Marvel dos realizadores axeitados para supervisar a quinta e sexta saga dos Avengers, con vários nomes que soaron ao longo dos últimos meses, incluíndo a Shawn Levy na rifa.
A fichaxe considera-se un regreso a casa para os Russo, quen dirixiron a segunda e terceira entregas do Capitán América e mais a terceira e cuarta dos Vingadores. Esta última, Avengers: Endgame, de 2019, converteu-se no segundo filme mais visto da história do cinema, cunha recadación mundial que subiu por riba dos 2.790 millóns de dólares.
Dende aquela, os Russo produciron éxitos coma Everything Everywhere All at Once e mais a saga de Extraction, así coma custosas decepcións coma a série Citadel na Amazon.
Por outra banda, os seus traballos coma directores non atraeron moita atención ou non foron ben recibidos pola crítica, coma o drama criminal Cherry ou o filme The Gray Man. A súa película mais recente é o filme de ciéncia-ficción The Electric State na Netflix, cun orzamento que xa se disparou por riba dos 300 millóns de dólares.
A quinta entrega de Avengers está prevista para maio de 2026 e a sexta para maio de 2027.