Os guionistas de Iron Man escriben Shadow Tiger

176

Mark Fergus e Hawk Ostby, guionistas nominados ao Oscar por Iron Man e Children of Men, están a preparar unha adaptación cinematográfica de acción real do cómic de Sharad Devarajan Shadow Tiger.

Devarajan, Fergus e Ostby producirán a película baseada no título, ún dos mais influíntes da Índia nos últimos anos. Os episódios curtos alcanzan centos de millóns de visitas.

O cómic vai sobre Rajan Shah, un brillante avogado mozo que ve destruída a súa carreira tras desafiar a corrupción do sistema legal índio. Con todo, a súa vida dá un xiro cando herda un império multimillonário e mais un misterioso poder do home responsábel da morte dos seus pais. Atormentado polo seu pasado, xura protexer aos inocentes e facer xustiza a quen están fóra do alcance da lei.

Esta será a primeira vez que os guionistas regresen ao xénero de superheroes dende aquela película orixinal que deu o disparo de saída ao Universo Cinematográfico da Marvel.

Despois daquel filme de 2008, crearon a história para Cowboys & Aliens de Jon Favreau en 2011, e logo, dende 2015 até 2022, foron os creadores e produtores executivos da aclamada serie de ciéncia-ficción The Expanse na Syfy e na Amazon.

Devarajan é coñecido por crear a Pavitr Prabhakar, o “Spiderman índio”, ún dos persoaxes de Spiderman: Across the Spider-Verse, que se converteu na estrea de debuxos animados con mais éxito nos despachos de billetes da história do cinema índio.