Os Hugo volven á palestra

273

Despois do escándalo do ano pasado, os prémios Hugo de ciéncia-ficción e fantasía continúan a dar que falar, e veñen de revelar que preto de 400 votos, que son ao redor do 10% de todos os emitidos este ano, emitíron-se fraudulentamente para axudar a gañar a un dos finalistas.

O subcomité de administración dos Hugo, encargado de contabilizar os votos para os prémios anuais, emitiu o luns un comunicado no que informaba de que determinou que 377 votos foran emitidos por persoas con “nomes falsos evidentes e/ou outras características descualificadoras“.

Entre eles había votantes con apelidos case idénticos, cunha soa letra cambiada e colocados en orde alfabética, e algúns cuxos nomes eran “traducións de números consecutivos”.

O patrón de votación era “abraiante e obviamente diferente” a todo o que os membros do actual subcomité de administración dos Hugo viran nunca, e a maioría dos votos favoreceron a un finalista, ao que o subcomité chama “Finalista A”.

Non temos probas de que o Finalista A fora consciente dos votos fraudulentos que se emitiron ao seu favor, e moito menos de que sexa o responsábel da operación. Polo tanto, non-o imos identificar“, informou o subcomité.

Só os membros da Sociedade Mundial de Ciéncia-Ficción (WSFS) poden propoñer obras para os Hugo e votar aos finalistas, o que custa un mínimo de 53 euros. Segundo o reconto do subcomité, o pagamento de 377 afiliacións falsas custaría polo tanto uns 20.000 euros.

O subcomité declarou asemade que recibira un “informe confidencial segundo o cal polo menos unha persoa patrocinou a compra de afiliacións á WSFS por parte dun grande número de indivíduos, aos que se lles reembolsou o custe da afiliación despois de confirmaren que votaran polo candidato do patrocinador“.

Os estatutos da WSFS establecen que só as persoas físicas poden votar e que ninguén pode emitir mais dun voto nunha categoría determinada, polo que tras a investigación, decidiron eliminar 377 dos 3.813 votos, o que resultou en que o Finalista A non gañara o prémio, se ben tampouco foi descualificado.

Queremos acougar aos votantes dos Hugo 2024 e asegurar-lles que os votos foron contabilizados dun xeito xusto“, segundo di o comunicado. “Sobre todo, queremos asegurar aos gañadores dos Hugos deste ano que gañaron limpamente, sen ningunha exclusión arbitrária ou inexplicábel de votos ou nominados e sen ningunha posibilidade de que o seu prémio fora obtido por médios fraudulentos“.

O autor americano John Scalzi, finalista este ano, cualificou a declaración de “acto de transparéncia benvido“, mentres que a profesora Esther MacCallum-Stewart, quen preside este ano a Convención, declarou-se “consternada” polas acusacións: “Eu apóio absolutamente a decisión de preservar a integridade dos prémios a través das medidas que se tomaron. Estes prémios son a pedra angular da nosa convención e representan o cúmio dos logros da nosa comunidade“.

En febreiro, os Hugo chegaron aos titulares da prensa mundial cando se soubo que vários autores foran excluídos das listas oficiais de finalistas tras de seren sinalados coma “indesexados” en China, onde se celebrou a convención do ano pasado.

A Worldcon deste año celebrará-se en Glasgow en agosto, e os gañadores dos Hugo anunciarán-se no decurso dunha cerimónia o día 11 dese mes.