Robert Downey Jr. regresará ao Universo Cinematográfico da Marvel no papel do Doutor Doom na nova película dos Vingadores, que se titulará Avengers: Doomsday, e que dirixirán os irmáns Joe e Anthony Russo, tamén regresando á Marvel.
O dúo de directores encargará-se de dúas novas entregas: a mencionada Avengers: Doomsday, na que se presentará a Victor von Doom, e mais Avengers: Secret Wars.
Aínda que Downey xa mencionara en entrevistas recentes que estaba aberto a volver á Marvel, os afeccionados naturalmente asumiron que iso significaba que volvería como Iron Man/Tony Stark.
A primeira aparición de Downey no Universo Marvel foi coma o xenial playboy millonário Tony Stark no filme Iron Man de 2008, que foi asemade a primeira entrega da franquía ideada polo presidente da Marvel Studios, Kevin Feige. Durante 11 anos, Downey repetiu o papel en dez filmes mais: Iron Man 2, Iron Man 3, The Incredible Hulk, The Avengers, Captain America: Civil War, Avengers: Age of Ultron, Spider-Man: Homecoming, Avengers: Infinity War e Avengers: Endgame, na que finalmente Iron Man morre.
A súa chegada ao papel do superfalcatruán Victor von Doom supuxo unha enorme sorpresa para os fans, incluídos os asistentes á presentación que a Marvel fixo no decurso da Comic-Con de San Diego, na que Downey fixo unha triunfal aparición no salón H onte á noite para desvelar o seu regreso.