Idiotas e Anxos gaña o Fantasporto

0
250

Idiots and AngelsO filme de debuxos animados Idiots and angels (Idiotas e Anxos), do americano Bill Plympton, axudicou-se onte o Grande Prémio da Sección Oficial na vixésimo novena edición do Festival Internacional de Cinema de Porto, o coñecido como Fantasporto.

A organización anunciou a elección de Idiots and angels, fita na que Plympton recorre ao sexo e a violéncia co obxectivo de conseguir o sorriso do espectador, segundo as suas próprias palabras. Plympton, con várias nominacións da Académia de Hollywood, asinou con Idiots and angels a novena longametraxe da sua carreira.

A inglesa Eden lake, de James Watkins, que xerou polémica no Reino Unido polas suas escenas de violéncia, obtivo pola sua banda os prémios á millor dirección e millor actor, distinción que recaiu en Jack O’Connell.

Hansel and Gretel, do director coreano Yim Phil-sung, levou-se as distincións de prémio especial do xurado – o coñecido como Super Bock – e o de millor filme da sección Orient Express, adicada a producións asiáticas.

A XIX Semana dos Realizadores foi a mans do belga Christophe Van Rompaey por Moscow, Belgium, un drama cotián que se converteu na revelación da Semana da Crítica de Cannes.

O xurado da Semana dos Realizadores atribuiu-lle ademais ao alemán Wim Wenders o prémio especial polo seu último traballo, Palermo Shooting. O prémio da crítica foi para o filme Delta, do húngaro Kornel Mundruczo, e o do público para The Wrestler, filme do americano Darren Aronofsky.