Proyas regresa á ciéncia-ficción

294

O director de éxitos do xénero fantástico coma The Crow, Dark City e I, Robot, Alex Proyas, volverá ao cinema para dirixir a súa oitava longametraxe, que será unha sátira de ciéncia-ficción titulada R.U.R.

Mallory Jansen (Agents of S.H.I.E.L.D.), Lindsay Farris (Ash vs Evil Dead) e mais o gañador dos prémios Emmy e Tony Anthony LaPaglia serán os seus protagonistas.

Proyas escribiu o guión baseado en R.U.R. (Rossumovi Univerzální Roboti), a clásica obra de teatro de ciéncia-ficción escrita en 1920 polo autor e dramaturgo checo Karel Čapek.

A história orixinal comeza na fábrica dos Robots Universais de Rossum, que fai traballadores artificiais a partir de materia orgánica sintética. Estes robots poden confundirse cos humanos, pero non teñen pensamentos orixinais de seu. A protagonista é a filla do dono, Helena (Jansen), quen visita a fábrica para ceibar aos robots da explotación capitalista, pero esta acción levará a unhas consecuéncias catastróficas.

Cómpre salientar que os robots descritos na obra de Čapek non son robots no noso sentido actual de autómata. Non son dispositivos mecánicos, senón organismos biolóxicos artificiais, que na nosa literatura actual alcumaríamos mais ben coma androides.

Mália a súa popularidade e enorme repercusión no xénero, esta será a primeira vez que a obra de teatro chegue ao cinema. En 1938 a BBC emitiu unha adaptación de 35 minutos de parte da obra, e en 1948 emitiu outra adaptación televisiva, esta vez da obra completa, de 90 minutos de duración, pero non se conservan gravacións sonoras ou visuais.

Proyas, responsábel ademais de filmes coma Garage Days e Knowing, non sentaba na cadeira de director dende 2016, cando fixo o filme Gods of Egypt, que resultou un estrondoso fracaso tanto de crítica coma de público.

O mesmo Proyas será o produtor, xunto con Morris Ruskin, Adam Krentzman, Steven Matusko e Brett Thornquest. A rodaxe comezará en Sydney a partir do 21 de outubro.